Páxinas

venres, 24 de outubro de 2025

Plan Director



Neste curso volvemos sumarnos á iniciativa do Plan Director e compartimos nas últimas semanas tres sesións con axentes da Garda Civil que viñeron falar connosco de distintos temas do noso interese. Héctor falounos da problemática dos delitos de odio e a violencia sexual e Jose Ramón explicounos onte moitas cousas de seguridade viaria, no noso papel de peóns, de condutores (cando imos en bici ou nun patinete) e de ocupantes dun vehículo a motor.

Distintxs

Onte, na sesión de Competencia Emocional con Andrea, falamos de autismo, de diversidade, dos distintos xeitos de percibir o mundo que temos, das cousas que nos agradan e nos molestan, do perigo das etiquetas que á veces poñen sobre as nosas cabezas ou nos poñemos sobre as dos demais. E ao final concluímos que sempre hai que volver ao punto de partida, á sesión do outro día: empatía, tolerancia, respecto… tentar poñerse no lugar do outro, entender o seu punto de vista e respectar e valorar a nosa diversidade; esta é, sen dúbida, unha moi boa folla de ruta para calquera viaxe.



mércores, 22 de outubro de 2025

Soños de mar


De entre todas as propostas de libro de lectura feitas na actividade de expresión escrita do tema 1, quedamos coa de Mateo. Este é o libro que, entre outros, adquiriu o colexio para ler este curso.

Observando o invisible

Tiñamos pendente de realizar o noso experimento do tema 1 e onte puidémolo levar a cabo. Para complementar as lecturas teóricas do tema fixemos unha observación de células animais e vexetais, tamén puxemos baixo a lente do microscopio mostras de fungos e bacterias. 
Como sempre que tentamos facer ciencia, primeiro fixemos as nosas hipóteses sobre o que ía ocorrer, que o experimento corroborou ou refutou. Recollendo todo na ficha do Caderno de laboratorio.
Mil grazas ao CPI Dr. López Suárez de Friol por emprestarnos desinteresadamente os microscopios para poder realizar esta actividade.




luns, 20 de outubro de 2025

Mr. Bean


No Polo Creativo e na Aula Multiusos (a Sala de Robótica e a Sala de Arte da Casiña de Faiuco, respectivamente) contamos con infinidade de recursos para desenvolver actividades diversas, achegarnos dun xeito distinto aos contidos do currículo e mellorar as nosas competencias.
Algún dos alumnos/as de sexto iniciouse hoxe no manexo da cortadora láser (que ten por nome Mr. Bean), deseñando e fabricando parte dos cartóns cos que secaremos as plantas do herbario.

xoves, 16 de outubro de 2025

Sodes moi afortunados… (II)

… de ter un sitio coma este tan pertiño da casa e poder vir aquí cando queirades. Puidera parecer que isto foi preparado pero hoxe Pedro, quen xunto con Pepe -que xa estivo connosco o outro día- guiou os nosos pasos polas ribeiras do Ladra, empezou tamén así a súa intervención desta mañá.
Coa súa axuda descubrimos moitas cousas da flora e fauna da nosa contorna e recollemos herbas, follas e flores para confeccionar un herbario; que vos amosaremos en vindeiras entradas do blog.




mércores, 15 de outubro de 2025

A conta das palabras coloquiais…

… descubrimos hoxe que, tanto o galego como o castelán, tomaron prestadas moitas palabras da lingua das persoas xitanas, o caló.


 

martes, 7 de outubro de 2025

Lúa chea

Aínda que para o proxecto deste tema de Ciencias Sociais optamos por facer unha observación lunar a través dunha aplicación web, para evitar problemas coa meteoroloxía e os horarios de observación; paga a pena dedicar unha destas noites de outono a mirar para Catarina en todo o seu esplendor de Lúa Chea.

venres, 3 de outubro de 2025

Voluntariado


Aquelas nenas e nenos que así o desexaron, a maioría, asinaron hoxe os seus “contratos” para o voluntariado na Casiña de Faiuco. A labor das persoas voluntarias é fundamental para que a biblioteca poida funcionar e é labor e privilexio reservado aos maiores do colexio. Agardamos que esta tarefa dea os seus froitos e, do mesmo xeito que outros o fixeron por nós, este curso o alumnado de quinto e sexto axude a Faiuco a poñer a andar a súa casa.

xoves, 2 de outubro de 2025

Tolerancia e empatía…


… son dúas palabras, dous alicerces nos que poder asentar unha sa convivencia en calquera grupo humano. Foron tamén as palabras coas que hoxe, na titoría de quinto e sexto e da man de Andrea, botamos a andar as sesións de Educación Emocional e Convivencia; ás que habemos ir volvendo ao longo do curso.

Sodes moi afortunados…


… por viviren nunha Reserva da Biosfera. Así escomezaba hoxe a charla que nos deron para explicarnos todo o relacionado coa Reseva da Biosfera Terras do Miño e do LIC Parga-Ladra-Támoga no que vivimos. Esta non será a última das actividades que faremos en colaboración coa Aula da Natureza do Concello de Begonte.