Un ano máis asumimos a encomenda de Faiuco de cultivar algo na súa horta e aproveitamos para facer diversas aprendizaxes relacionadas coa área de Ciencias da Natureza. O proceso foi o que segue.
Primeiro acudimos aos libros, a ver que nos contaban sobre as patacas, o froito escollido para sementar no bancal de quinto e sexto. Comprobamos cales eran as súas necesidades de rego, de abonado, o marco de plantación, etc. e xuntamos todo isto coa información que nós mesmos xa tiñamos; recollendo todo nunha ficha.
Logo, fomos á horta preparar a terra. Deunos moito mágoa desbotar os cultivos que permanecían na nosa parcela dende o curso anterior: é por iso que trasladamos os amorodos a unha macetas coa ilusión de poder comer algún antes de que chegue o verán. Para rematar este paso, orientamos as plantas cara ao sur coa axuda do compás, para que teñan ben sol, e estabelecemos unhas quendas para regalas cada día.A seguinte parte do traballo foi na sala de arte da biblio, que convertemos no noso laboratorio. Distintos experimentos servíronnos para coñecer mellor as características (especialmente químicas) da Solanum tuberosum, vulgarmente coñecida por todas como a pataca. Investigamos sobre a súa oxidación e os factores que poden retardar este proceso; sobre un dos azucres máis abundantes que ten, o amidón e sobre como detectalo; e finalmente, rompemos os cornos tentando que conducise algo de electricidade, extremo que non logramos.Por últimos, voltamos á terra, abrimos os regos e botamos as patacas (tendo en conta todo o aprendido previamente) e aínda que o refraneiro di Boi vello, suco dereito e estes bois que araron hoxe moi vellos non parecían, non temos ningunha queixa co resultado obtido. A ver se apañamos algo!




Ningún comentario:
Publicar un comentario