Hai estes días moito rebumbio cunha “casita” rosa e algo hortera: que se que a quen invitou o que a fixo, que se porque, que se un que quería ir non o invitaron, que se unha que invitaron non foi…
E nós tamén fixemos a nosa casiña. A nosa non é para un coello, é para uns paxariños. Collemos o encargo de Faiuco e ao longo do último mes estivemos a traballar arreo no seu deseño e fabricación. Traballo que culminamos hoxe coa instalación das casas na Horta de Faiuco. Mañá haberá que facerlles o albaroque.
O proxecto comezou a primeiros de maio, cando unha vez coñecidas as características da tarefa, empezamos a buscar información sobre como poderiamos facer un refuxio para paxaros que nos puidese axudar no control ecolóxico dos insectos do noso cultivo na horta. Logo fixemos os planos no programa inkScape (dos nosos ordenadores eDixgal). Do ordenador fomos á cortadora láser, onde creamos os primeiros prototipos en cartón, estes foron analizados e mellorados; volvemos aos ordenadores e de novo á cortadora para facer as pezas definitivas xa en madeira.
A continuación, montamos as casas e hoxe xa as deixamos instaladas no seu lugar definitivo. Coma sempre, todo o proceso foi sendo rexistrado e analizado no noso caderno de laboratorio.
Agardamos que as casiñas sexan do agrado dos paxariños e en breve poidamos ver cabo deles pardais, paporrubios, carrizos, lavandeiras, ferreiriños ou calquera outra pequena ave que queira instalarse no noso hotel.





Ningún comentario:
Publicar un comentario