Páxinas

sábado, 4 de xullo de 2026

Animais que falan (II): o Proxecto

Foron moitos os proxectos e experimentos que levamos a cabo neste curso (dezaseis en concreto, tanto na área de Ciencias da Natureza, como na de Ciencias Sociais) e, como xa temos dito máis veces, non sempre podemos dar conta de todos eles neste blog.
Pero non queriamos pechar as publicacións deste curso sen facer referencia ao último proxecto que creamos na área de Ciencias da Natureza (Animais que falan II). Este foi un proxecto especial non só por ser o último, e por ser o que levamos á presentación final do PDI no Museo de Faiuco, que tamén; senón porque, se cadra, foi o proxecto máis completo e complexo de todos os que fixemos, tanto no seu resultado final, como no proceso e organización que nos levou a poder rematalo. 

Este proxecto realmente foi iniciado no primeiro trimestre e parte dun traballo realizado polas compañeiras de terceiro e cuarto: un mural para pór en relación a imaxe de cada animal co nome da súa onomatopea. Nós convertémolo nunha instalación interactiva.

En primeiro lugar, o alumnado foi distribuído en tres grupos de traballo, recibindo cada un deles unha encomenda distinta; así mesmo (como vén ocorrendo durante todo o curso) cada membro do grupo asumiu un rol distinto (persoa coordinadora, secretaria, voceira e supervisora). Foi ademais este, un proxecto no que unha correcta coordinación entre grupos era algo imprescindible para poder levar o traballo a bo porto. O grupo 1 encargouse da programación e o son (aplicando os coñecemento sobre o funcionamento da placa Makey-Makey e do software Scratux, adquiridos na primeira parte do proxecto). O grupo 2 foron responsables de deseñar o mural, idear a súa estrutura e materiais e seleccionar e distribuír os animais. Por último, as persoas que integraban o grupo 3 tiveron que construír todo o sistema que conectaba o ordenador co mural; argallando entre cables, parafusos e porcas. E, coma sempre, cada persoa foi deixando constancia do seu traballo e do funcionamento do seu grupo no Caderno de Laboratorio.

O funcionamento dos grupos foi moi bo e o resultado, un produto social relevante que puidemos compartir con toda a comunidade educativa na xornada de presentación do PDI, facendo as delicias de nenos e maiores que xogaron con degoiro para ir descubrindo os sons que producía cada un dos animais.

Un broche de ouro a un curso repleto de ciencia e tecnoloxía.