Páxinas

xoves, 9 de abril de 2026

Radio Corpiño: A radio de Faiuco

 

Como xa temos indicado máis veces nas páxinas deste blog, son moitas as actividades que se realizan no colexio e non sempre podemos dar conta de todas elas nas nosas Redes. Pero hoxe queremos rememorar un obradoiro que tivemos antes da vacacións, en realidade foi a segunda parte do obradoiro de radio que fixeramos semanas antes. Inda que en principio estaba pensado para unha soa sesión, Pablo e Baruk accederon cortesmente a volver ao centro e enriquecer máis se cabe o traballo que fixeramos na súa primeira visita.

Desta volta, os grupos de alumnado intercambiaron os papeis e uns funcionaron baixo a batuta de Pablo e outros estiveron ás ordes radiofónicas de Baruk. Creamos e gravamos novas sintonías e indicativos para as seccións dos programas de Radio Corpiño, incluso pensamos en posibles novas seccións e programas para o futuro da nosa emisora escolar e tamén gravamos os típicos "recordatorios de marca" que tanto se usan nas radios comerciais para que ninguén esqueza que está a escoitar.

Dende aquí, só podemos volver a agradecer a Baruk e Pablo o seu bo facer e a súa dispoñibilidade xenerosa. Queda pendente que voltedes á nosa radio pero nese caso xa como entrevistados.

xoves, 19 de febreiro de 2026

Radio Corpiño: falamos un pouquiño?


Cando está mañá entramos pola porta da Sala de Robótica non tiñamos nin idea da marabillosa viaxe que nos ía a levar a estar dúas horas despois gravando sintonías, caretas, jingles e indicativos para a nosa radio.

Da man de Baruk e Pablo aprendemos os rudimentos da linguaxe radiofónica e da composición de melodías, fixémonos conscientes da importancia da palabra, a música, os sons e os silencios no noso medio e puxémonos a practicar.

O que ás doce e cuarto parecía imposible, ás dúas era unha realidade: compuxemos melodías, deseñamos os indicativos e metémonos no estudo a gravar.

Dende hoxe, cando sintonicedes Radio Corpiño soará o traballo desta mañá do alumnado de quinto e sexto.

Grazas a Pablo e Baruk por guiar o temón desta singradura.

Radio Corpiño: falamos un pouquiño?



luns, 2 de febreiro de 2026

mércores, 28 de xaneiro de 2026

A batalla dos Cinco Reinos (II)



Cinco reinos enfróntanse nun desafío onde a ciencia, a estratexia e a curiosidade son as mellores armas. Microorganismos diminutos, plantas xigantes, fungos sorprendentes e animais incríbles medirán as súas forzas carta a carta.

Aquí non gaña quen máis corre, senón quen mellor pensa, observa e escolle. Cada partida é unha aventura e cada carta agocha un segredo da natureza.

Estás preparado/a para demostrar canto sabes… e canto podes aprender xogando?


Xa temos dispoñible na aula este xogo de mesa que, entre todos, elaboramos o trimestre pasado.

luns, 19 de xaneiro de 2026

A Despensa de Wonka


 Principiamos hoxe unha nova andaina do noso Club de Lectura “A Despensa” coa visualización da primeira parte film Wonka.

venres, 12 de decembro de 2025

Sistemas de construción / Sistemas de goberno

Como funciona unha democracia hoxe en día? De verdade que nunha ditadura se vivía mellor? Como funcionaría unha sociedade anarquista?… A estas e outras preguntas tentamos responder nesta actividade de Ciencias Sociais que cerra o tema 3, no que traballamos sobre as características do sistema democrático.
O alumnado foi dividido en grupos e a cada grupo foille asignado un sistema de goberno distinto. O obxectivo de todos os grupos era o mesmo: construír unha edificación cunhas características determinadas no menor tempo posible, pero cada quen actuando segundo o rol que lle foi estabelecido na ficha que recibiu describindo o funcionamento dese sistema.
A vivenciación do sistema asignado, a observación e análise do funcionamento dos grupos dos compañeiros e os debates posteriores permitíronnos achegarnos e comprender mellor a organización política das distintas sociedades.

Ditadura:
 

Democracia liberal:

Anarquía:




mércores, 3 de decembro de 2025

Cables


Andamos esta mañá entre cables, dando os primeiros pasos no traballo con placas Makey-Makey e coa programación en Scratch. É unha actividade previa necesaria para o proxecto que nos vai ocupar neste e no vindeiro tema da área de Ciencias da Natureza. Pero encetamos ademais un melón, abrimos unha porta ou sequera asomamos a cabeza a unha fiestra que nos amosa un mundo de posibilidades no mundo da programación, a domótica e a robótica. Pouco e pouco seguiremos dando pasiños neste camiño que hoxe pisamos por primeira vez.