Páxinas

sábado, 4 de xullo de 2026

Animais que falan (II): o Proxecto

Foron moitos os proxectos e experimentos que levamos a cabo neste curso (dezaseis en concreto, tanto na área de Ciencias da Natureza, como na de Ciencias Sociais) e, como xa temos dito máis veces, non sempre podemos dar conta de todos eles neste blog.
Pero non queriamos pechar as publicacións deste curso sen facer referencia ao último proxecto que creamos na área de Ciencias da Natureza (Animais que falan II). Este foi un proxecto especial non só por ser o último, e por ser o que levamos á presentación final do PDI no Museo de Faiuco, que tamén; senón porque, se cadra, foi o proxecto máis completo e complexo de todos os que fixemos, tanto no seu resultado final, como no proceso e organización que nos levou a poder rematalo. 

Este proxecto realmente foi iniciado no primeiro trimestre e parte dun traballo realizado polas compañeiras de terceiro e cuarto: un mural para pór en relación a imaxe de cada animal co nome da súa onomatopea. Nós convertémolo nunha instalación interactiva.

En primeiro lugar, o alumnado foi distribuído en tres grupos de traballo, recibindo cada un deles unha encomenda distinta; así mesmo (como vén ocorrendo durante todo o curso) cada membro do grupo asumiu un rol distinto (persoa coordinadora, secretaria, voceira e supervisora). Foi ademais este, un proxecto no que unha correcta coordinación entre grupos era algo imprescindible para poder levar o traballo a bo porto. O grupo 1 encargouse da programación e o son (aplicando os coñecemento sobre o funcionamento da placa Makey-Makey e do software Scratux, adquiridos na primeira parte do proxecto). O grupo 2 foron responsables de deseñar o mural, idear a súa estrutura e materiais e seleccionar e distribuír os animais. Por último, as persoas que integraban o grupo 3 tiveron que construír todo o sistema que conectaba o ordenador co mural; argallando entre cables, parafusos e porcas. E, coma sempre, cada persoa foi deixando constancia do seu traballo e do funcionamento do seu grupo no Caderno de Laboratorio.

O funcionamento dos grupos foi moi bo e o resultado, un produto social relevante que puidemos compartir con toda a comunidade educativa na xornada de presentación do PDI, facendo as delicias de nenos e maiores que xogaron con degoiro para ir descubrindo os sons que producía cada un dos animais.

Un broche de ouro a un curso repleto de ciencia e tecnoloxía.




 

xoves, 4 de xuño de 2026

A ti cantos che daban?

Mañá probaremos estes Petit Suisse que fixemos con aqueles amorodos que nos dera pena tirar cando preparamos o cultivo das patacas, e transplantaramos a unhas macetas e levamos semanas regando. Hoxe recollemos o froito (nunca mellor dito) dese traballo.














mércores, 3 de xuño de 2026

La casita


Hai estes días moito rebumbio cunha “casita” rosa e algo hortera: que se que a quen invitou o que a fixo, que se porque, que se un que quería ir non o invitaron, que se unha que invitaron non foi… 
E nós tamén fixemos a nosa casiña. A nosa non é para un coello, é para uns paxariños. Collemos o encargo de Faiuco e ao longo do último mes estivemos a traballar arreo no seu deseño e fabricación. Traballo que culminamos hoxe coa instalación das casas na Horta de Faiuco. Mañá haberá que facerlles o albaroque.


O proxecto comezou a primeiros de maio, cando unha vez coñecidas as características da tarefa, empezamos a buscar información sobre como poderiamos facer un refuxio para paxaros que nos puidese axudar no control ecolóxico dos insectos do noso cultivo na horta. Logo fixemos os planos no programa inkScape (dos nosos ordenadores eDixgal). Do ordenador fomos á cortadora láser, onde creamos os primeiros prototipos en cartón, estes foron analizados e mellorados; volvemos aos ordenadores e de novo á cortadora para facer as pezas definitivas xa en madeira.


A continuación, montamos as casas e hoxe xa as deixamos instaladas no seu lugar definitivo. Coma sempre, todo o proceso foi sendo rexistrado e analizado no noso caderno de laboratorio.


Agardamos que as casiñas sexan do agrado dos paxariños e en breve poidamos ver cabo deles pardais, paporrubios, carrizos, lavandeiras, ferreiriños ou calquera outra pequena ave que queira instalarse no noso hotel.



mércores, 13 de maio de 2026

As patacas…

… van agromando paseniño.



venres, 8 de maio de 2026

Oulipo


OULIPO (Ouvroir de Littérature Potentielle: Obradoiro de literatura potencial) foi un grupo de escritores e matemáticos, un pouco “gamberros”, que xogaban coa linguaxe creando textos con regras especiais, desafiando as normas da literatura tradicional. Unha das súas técnicas máis coñecidas foi o S+7, que consiste en cambiar os substantivos dun texto por outros que aparecen no dicionario sete palabras máis adiante.

E isto foi o que fixemos na nosa actividade de expresión escrita do tema 7 (que desta volta tocaba en lingua castelá). Fomos á sección de poesía da Casiña de Faiuco, mergullámonos nos libros e extraemos poemas de obras de Gloria Fuertes, Federico García Lorca, Joaquín González Estrada, Mar Benegas ou Ximo Abadía; a continuación, aplicamos a técnica S+7 do OULIPO e obtivemos novas composicións, algunhas delas ben interesantes e divertidas.



venres, 24 de abril de 2026

Guías turísticos

Neste tema 7 de Ciencias Sociais estamos traballando sobre o sector terciario. Unha das actividades máis salientables dentro deste é o turismo, e o proxecto que realizamos ten moito que ver con el.

Ás veces, podemos pensar que o turismo é unha actividade económica que só ten cabida nas grandes urbes. Pero na contorna das nosas aldeas tamén hai recursos, aos que nós non damos importancia, que poden ser "vendidos" (ou emprestados por un tempiño) para a recreación doutras persoas: igrexas, cruceiros, castros, mámoas, ríos, carballeiras, sendeiros, paisaxes, tranquilidade, aire limpo, natureza, cultura, historia, festas, tradicións... poden parecer cousas humildosas e de pouco valor para quen as temos á man todos os días pero seren auténticos tesouros para quen carece delas no seu día a día.

A premisa era doada: buscar información (dos nosos propios coñecementos, preguntando a familiares e veciños ou mesmo en libros ou na Rede) sobre a nosa parroquia e despois elaborar un tríptico turístico sobre a mesma. Con esta actividade aproveitamos tamén para poñer en práctica a estampación con Lego, na que traballou todo o alumnado do centro. E tamén nos valeu a nós mesmas para coñecer recunchos do noso concello ou da nosa propia parroquia que descoñeciamos.

O resultado ben o vedes. Estamos dispostos a escoitar ofertas polos nosos trípticos.



mércores, 15 de abril de 2026

Botamos as patacas

Un ano máis asumimos a encomenda de Faiuco de cultivar algo na súa horta e aproveitamos para facer diversas aprendizaxes relacionadas coa área de Ciencias da Natureza. O proceso foi o que segue.

Primeiro acudimos aos libros, a ver que nos contaban sobre as patacas, o froito escollido para sementar no bancal de quinto e sexto. Comprobamos cales eran as súas necesidades de rego, de abonado, o marco de plantación, etc. e xuntamos todo isto coa información que nós mesmos xa tiñamos; recollendo todo nunha ficha.


Logo, fomos á horta preparar a terra. Deunos moito mágoa desbotar os cultivos que permanecían na nosa parcela dende o curso anterior: é por iso que trasladamos os amorodos a unha macetas coa ilusión de poder comer algún antes de que chegue o verán. Para rematar este paso, orientamos as plantas cara ao sur coa axuda do compás, para que teñan ben sol, e estabelecemos unhas quendas para regalas cada día.

A seguinte parte do traballo foi na sala de arte da biblio, que convertemos no noso laboratorio. Distintos experimentos servíronnos para coñecer mellor as características (especialmente químicas) da Solanum tuberosum, vulgarmente coñecida por todas como a pataca. Investigamos sobre a súa oxidación e os factores que poden retardar este proceso; sobre un dos azucres máis abundantes que ten, o amidón e sobre como detectalo; e finalmente, rompemos os cornos tentando que conducise algo de electricidade, extremo que non logramos.

Por últimos, voltamos á terra, abrimos os regos e botamos as patacas (tendo en conta todo o aprendido previamente) e aínda que o refraneiro di Boi vello, suco dereito e estes bois que araron hoxe moi vellos non parecían, non temos ningunha queixa co resultado obtido. A ver se apañamos algo!


 

xoves, 9 de abril de 2026

Radio Corpiño: A radio de Faiuco

 

Como xa temos indicado máis veces nas páxinas deste blog, son moitas as actividades que se realizan no colexio e non sempre podemos dar conta de todas elas nas nosas Redes. Pero hoxe queremos rememorar un obradoiro que tivemos antes da vacacións, en realidade foi a segunda parte do obradoiro de radio que fixeramos semanas antes. Inda que en principio estaba pensado para unha soa sesión, Pablo e Baruk accederon cortesmente a volver ao centro e enriquecer máis se cabe o traballo que fixeramos na súa primeira visita.

Desta volta, os grupos de alumnado intercambiaron os papeis e uns funcionaron baixo a batuta de Pablo e outros estiveron ás ordes radiofónicas de Baruk. Creamos e gravamos novas sintonías e indicativos para as seccións dos programas de Radio Corpiño, incluso pensamos en posibles novas seccións e programas para o futuro da nosa emisora escolar e tamén gravamos os típicos "recordatorios de marca" que tanto se usan nas radios comerciais para que ninguén esqueza que está a escoitar.

Dende aquí, só podemos volver a agradecer a Baruk e Pablo o seu bo facer e a súa dispoñibilidade xenerosa. Queda pendente que voltedes á nosa radio pero nese caso xa como entrevistados.

xoves, 19 de febreiro de 2026

Radio Corpiño: falamos un pouquiño?


Cando está mañá entramos pola porta da Sala de Robótica non tiñamos nin idea da marabillosa viaxe que nos ía a levar a estar dúas horas despois gravando sintonías, caretas, jingles e indicativos para a nosa radio.

Da man de Baruk e Pablo aprendemos os rudimentos da linguaxe radiofónica e da composición de melodías, fixémonos conscientes da importancia da palabra, a música, os sons e os silencios no noso medio e puxémonos a practicar.

O que ás doce e cuarto parecía imposible, ás dúas era unha realidade: compuxemos melodías, deseñamos os indicativos e metémonos no estudo a gravar.

Dende hoxe, cando sintonicedes Radio Corpiño soará o traballo desta mañá do alumnado de quinto e sexto.

Grazas a Pablo e Baruk por guiar o temón desta singradura.

Radio Corpiño: falamos un pouquiño?



luns, 2 de febreiro de 2026

mércores, 28 de xaneiro de 2026

A batalla dos Cinco Reinos (II)



Cinco reinos enfróntanse nun desafío onde a ciencia, a estratexia e a curiosidade son as mellores armas. Microorganismos diminutos, plantas xigantes, fungos sorprendentes e animais incríbles medirán as súas forzas carta a carta.

Aquí non gaña quen máis corre, senón quen mellor pensa, observa e escolle. Cada partida é unha aventura e cada carta agocha un segredo da natureza.

Estás preparado/a para demostrar canto sabes… e canto podes aprender xogando?


Xa temos dispoñible na aula este xogo de mesa que, entre todos, elaboramos o trimestre pasado.

luns, 19 de xaneiro de 2026

A Despensa de Wonka


 Principiamos hoxe unha nova andaina do noso Club de Lectura “A Despensa” coa visualización da primeira parte film Wonka.

venres, 12 de decembro de 2025

Sistemas de construción / Sistemas de goberno

Como funciona unha democracia hoxe en día? De verdade que nunha ditadura se vivía mellor? Como funcionaría unha sociedade anarquista?… A estas e outras preguntas tentamos responder nesta actividade de Ciencias Sociais que cerra o tema 3, no que traballamos sobre as características do sistema democrático.
O alumnado foi dividido en grupos e a cada grupo foille asignado un sistema de goberno distinto. O obxectivo de todos os grupos era o mesmo: construír unha edificación cunhas características determinadas no menor tempo posible, pero cada quen actuando segundo o rol que lle foi estabelecido na ficha que recibiu describindo o funcionamento dese sistema.
A vivenciación do sistema asignado, a observación e análise do funcionamento dos grupos dos compañeiros e os debates posteriores permitíronnos achegarnos e comprender mellor a organización política das distintas sociedades.

Ditadura:
 

Democracia liberal:

Anarquía:




mércores, 3 de decembro de 2025

Cables


Andamos esta mañá entre cables, dando os primeiros pasos no traballo con placas Makey-Makey e coa programación en Scratch. É unha actividade previa necesaria para o proxecto que nos vai ocupar neste e no vindeiro tema da área de Ciencias da Natureza. Pero encetamos ademais un melón, abrimos unha porta ou sequera asomamos a cabeza a unha fiestra que nos amosa un mundo de posibilidades no mundo da programación, a domótica e a robótica. Pouco e pouco seguiremos dando pasiños neste camiño que hoxe pisamos por primeira vez.

martes, 2 de decembro de 2025

Vivan…

… as (persoas) voluntarias da Casiña de Faiuco.

E non deixedes de pasar pola súa Casiña virtual na Rede:

luns, 1 de decembro de 2025

xoves, 27 de novembro de 2025

Un día calquera lendo o xornal


Onte recibimos no colexio moitos exemplares do xornal El Progreso. Na nosa aula fixemos con eles unha serie de mini-retos para achegarnos ás características desta tipoloxía textual: buscar un titular impactante, atopar unha nova dun lugar coñecido, recortar unha foto dalgunha persoa en acción, atopar un dato matemático, recortar un anuncio curioso, inventar un anuncio divertido, pegar unha noticia internacional, consultar a predición do tempo e dicir a que actividade reseñada no xornal podería afectar, pescudar unha información sobre un muller, etc.


martes, 25 de novembro de 2025

25-N


Este é o manifesto que escollemos para ser a voz de todo o colexio no acto de hoxe ante o Concello. É o elaborado por Jorge e Luca.

Hoxe 25N, estamos aquí reunidos polo Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, para manifestar o noso rexeitamento. Algúns de vós preguntarédesvos, pero iso que é? 

Por desgraza, aínda a día de hoxe, hai moitas mulleres que teñen que soportar malos tratos, que non son respectadas, que teñen medo ou ás que non se lles permite gozar dos mesmos dereitos que os homes: e todo isto simplemente polo feito de seren mulleres. Nestes días aprendemos que son moitas as formas que pode adoptar este tipo de violencia: violencia física, psicolóxica, sexual, dixital, económica, etc.

Durante a semana, todo o alumnado escribiu neste papel continuo que vedes aí palabras e frases que representan situacións de desigualdade e da violencia que sofren as mulleres. No acto pisaremos ese papel como xesto simbólico de rexeitamento e condena. Despois, colocaremos sobre el sinais de dirección creados por nós, con palabras como igualdade, respecto, paz, xustiza… Estes sinais están decorados cun zapato violeta, símbolo do camiño cara á igualdade. O lema que inspira o acto e o manifesto é “Camiñando cara á igualdade”. 

Hoxe, as alumnas e os alumnos do CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño propoñémosvos que sigades ese camiño, o da igualdade. As nosas propostas son: respectar, o primeiro e máis importante é respectarnos sempre entre todos, sexamos homes ou mulleres. Non calar, se vemos que alguén trata mal a unha amiga ou compañeira ou a calquera persoa non podermos quedar calados. Hai que pedir axuda, a un profesor, ás nosas familias ou a calquera persoa de confianza e lembrar que non estamos sos, sempre vai haber persoas que non poidan axudar. Este é o noso compromiso, e vós a que vos comprometedes? 

Loitemos polos dereitos da muller porque, se conseguimos a igualdade dos dous xéneros, este mundo será moito mellor. Camiñemos cara á igualdade! Moitas grazas e bos días.


luns, 24 de novembro de 2025

O manifesto

A actividade de expresión escrita deste tema 3 foi unha actividade ben especial. Dedicamos a mañá de hoxe a idear, preparar, corrixir e elaborar definitivamente un manifesto para representar o colexio no acto que levaremos mañá a cabo na casa do concello co gallo do 25-N. De entre todas as propostas, escolleremos o texto que porá voz a toda a comunidade educativa do centro. Toda unha honra e unha responsabilidade.


sábado, 15 de novembro de 2025

Luces, cámara…

… silencio, acción!
Empezamos esta semana co obradoiro de vídeo en colaboración co Belén de Begonte, no que da man de Bego Pérez nos adentraremos nos entertiños da produción, gravación e edición de pequenas pezas audiovisuais. Nesta primeira sesión aprendemos sobre tipos de planos, story board, etc. e xa probamos a gravar algunha cousa.